8 de octubre de 2007

Alén do ensino tradicional


Diferentes aspectos da educación entran a debate cada ano na Escola de Verao de Monforte, unha cita consolidada na comarca que chega este ano á súa undécima edición e que está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galaico-Portuguesa. Esta é a segunda vez que se celebra no IES A Pinguela a modo de cinefórum educativo, coa proxección dunha película cada día ás cinco da tarde e unha charla-coloquio posterior.

O presidente da asociación organizadora e profesor da universidade de Vigo, José Paz, define estas xornadas como «unha actividade de renovación pedagóxica». Vai dirixida a docentes non universitarios, pero pode acudir calquera persoa interesada na educación.

Unha das coordinadoras é a profesora Aida Menéndez, quen explicou que a temática central desta edición son os diferentes tipos de mestres e escolas e a importancia da innovación no ensino para solucionar distintas problemáticas dos nenos. «Necesítanse mestres máis innovadores, non nos debemos encasillar para poder profundar nos aspectos psicopedagóxicos», declarou esta relatora.

A proxección das cinco películas será unha escusa para analizar distintas problemáticas da educación. «Veremos como o ambiente inflúe na marxinación dos nenos e como ese outro tipo de mestre que rompe as pautas tradicionais o pode axudar. Tamén estudaremos exemplos concretos, como a coñecida Ciudad de los Muchachos, continúa Menéndez.

Programa

Onte iniciábanse estas xornadas coa proxección da película Nin un menos , de Zhang Yimou, que trata a problemática educativa noutros países e culturas. Despois houbo unha charla a cargo de José Paz. Na xornada de hoxe proxectarase a película Ser e ter , de Nicolás Philibert, que narra a historia dun mestre rural levando unha escola unitaria con nenos de todas as idades. A conferencia posterior corre a cargo da profesora Flora Enríquez.

A película que se proxecta mañá trata dunha experiencia educativa similar á de Benposta, titúlase Forxa de homes e foi dirixida por Norman Taurog en 1938. O profesor José Roberto Soto dará unha charla a continuación.

O xoves proxéctase a película de Bertrand Tavernier Hoxe empeza todo , que trata o tema da escola infantil nunha zona deprimida. O profesor Enrique Sampil encargarase despois de dar unha charla.

Por último, o venres proxectarase O pequeno salvaxe , unha película de François Truffaut que trata da importancia do ambiente na educación. A charla posterior correrá a cargo de Aida Menéndez. O último día entregaráselles aos asistentes un diploma por trinta horas válido para todo tipo de concurso,s xa que está homologado pola Consellería de Educación.