9 de octubre de 2007

«A ensinanza modular é como poder matricularte á carta»


O instituto A Pinguela cumprirá en 2008 vinte e cinco anos. Enrique Sampil foi, xunto co resto de compañeiros desprazados desde o antigo Instituto de Formación Profesional, un dos encargados de inaugurar este centro. Faltaban moitos anos para chegar ao cargo de director que ocupa desde hai oito. Satisfeito da marcha do instituto neste cuarto de século, este ano móstrase especialmente orgulloso dos ciclos de ensino modular para adultos, que contan con oitenta alumnos.

-En vinte e cinco anos a ensinanza terá cambiado moito.

-O principal cambio é sen lugar a dúbida o descenso do número de alumnos. Este centro chegou, en tempos, a ter máis de seiscentos alumnos.

-¿En que consiste a ensinanza modular?

-É como poder matricularte á carta. Son ciclos que serven tanto para o que quere facelo completo e obter un título como para o que só lle interesan determinadas materias. A este último, se supera correctamente a materia elixida, tamén se lle recoñece cun certificado oficial.

-¿Quen se matricula nestes cursos?

-Principalmente, xente que traballa. Persoas que para levar a cabo o seu traballo necesitan obter uns coñecementos concretos ou simplemente actualizalos. Hoxe en día, estes ciclos teñen unha entidade que antes non tiñan. Os programas que se imparten teñen moito máis que ver coa realidade social e laboral actual.